Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 27 Abril 2024.

As Pontes toma as rúas polo seu futuro

  • Os sindicatos fan un chamamento á mobilización masiva que «obrigue a Endesa a negociar o mantemento do emprego e unha proposta industrial»

As Pontes será o epicentro este mércores, 30 de xuño, dunha nova mobilización polo emprego e o futuro da comarca de Ferrol. A vila esixe unha transición enerxética xusta. O sindicatos CCOO, CIG e UGT fan un chamamento a toda a cidadanía para que se implique e tome parte na protesta a pé que partirá este mércores ás 20:00 horas desde a Casa do Concello.

30/06/2021.
Mobilización este mércores nas Pontes

Mobilización este mércores nas Pontes

«Co peche de Endesa, As Pontes empobrécese. A eléctrica non reverte na comarca os inxentes beneficios que obtivo durante as décadas de explotación da mina e da central. Endesa é culpable, pero tamén as Administracións públicas que consenten esta desfeita, con promesas e latricada de transición xusta que non se concretan en nada», denuncian os sindicatos.

«O camiño que nos queda é dar nas rúas unha gran resposta social que obrigue a Endesa a negociar o mantemento do emprego e unha proposta industrial para As Pontes», sinalan.

Transportistas e auxiliares

O pasado 17 de xuño, o persoal das auxiliares e transportistas do carbón levaron a súa protesta ata as portas da sede do Goberno galego, en San Caetano.

Posteriormente, o 25, o persoal cortou o acceso á central para rexeitar o anuncio de Maessa —unha das grandes empresas subcontratistas de Endesa— de que o 1 de xullo procederá ao traslado forzoso de 30 dos 47 traballadores contratados, que quere derivar a Asturias e Francia.

Representantes do comité de Maessa xa están en contacto coa asesoría xurídica de CCOO en Ferrol para estudar as posibles accións legais contra a decisión da empresa de desprazalos fóra das Pontes.